Como son unha post-adolescente de bo dente, pensei que sería de lei adicar unha das miñas fruslerías escritas ás casas de xantar que eu máis detesto de Compostela. Non aparecen por orde de maior a menor aversión pois sería imposible propoñer unha xerarquía entre elas – os dous primeiros establecementos pugnan fortemente pola victoria-. O meu corazón aínda non ten amo. Até entón, aí vai!
O Galeón Toural (serve en calquera das súas formas).
Os do Galeón comezaron pouco a pouco, sen grandes ambicións. Abriron o seu primeiro restaurante de comidas obvias na rúa Alfredo Brañas, 33. Nun abrir e pechar de ollos, o imperio en potencia da comida rápida e o prato combinado foi gañando terreo compostelán e conseguiu expandirse como a peste negra, en apenas unha década.
O ano pasado tiven a sorte de presenciar o seu novo movemento cara a conversión nun gran imperio, cando o Galeón abreu unha cociña máis na rúa da Raíña. Deste xeito, a zona vella xa contaba con dúas versións deste rentable formato en pouco menos de 200 metros.
O Galeón Toural perdeu o meu respeto a primeira vez que entrei nel, o primeiro ano que cheguei a esta cidade. Mais por unhas cousas ou por outras, rematei indo de cando en vez. Sempre vivín en pisos adxacentes a este establecemento, e os seus horarios non-stop e tamén o económico dos seus prezos me levaron a comer en días de resaca neste lugar infame.
Vas e confías que a comida estea pasada polo microondas. Pero a comida ven fría, os alimentos sofren de sobreactuación e as follas de leituga do sandwich están podres. Ademais, non é agradable que sirvan cantidades inxentes de comida de rancho. Por non falar desa pretendida elegancia náutica, que aínda o fai máis noxento.
Míster Burguer.
O nome en sí xa me da bastante asco. Sí, podedes pensar que son unha puta repelente pero pensar que ás hamburguesas que te vas comer se lles atribúen virtudes cuestionables propias dun ser humano non me provoca confianza. É dicir, que un alimento sexa un míster. Unha hamburguesa culturalmente sexi e fornida.
O outro día pasei por alí, e vin como unha tenda rara ó carón de Disco Precio lle comeu parte do negocio, e agora ó contrario que o Galeón este imperio redúcese e eu sinto que se fai un pouco máis de xustiza neste mundo tonto e cruel.
Entrei neste local en dúas ocasións. A primeira vez fun de acompañante e non pedín nada. A segunda, ás cinco da tarde, aínda sen comer e con todo pechado. Pedín unha salada de pasta (sí, eu son aínda máis hostiable que o propio bar) e trouxéronma con tomate frío Solís por enriba.
Don Bocata.
Este sitio non podería ficar fóra da miña lista, sería un agravio. En segundo de carreira, ía coas miñas amigas os venres a xantar ovos con patacas fritidas e chourizo e así combater a nosa resaca. Tamén para seguir rindo e ensinar un pouco máis as tetas.
As veces que atopei un pelo na comida non o recordo, aínda que é o de menos. Os cadros mercados nos oitenta (máis dun hipster mataría por eles) e que me lembran terriblemente ós que ornamentaban a discoteca noventera da miña adolescencia, VOGUE. Os pósters de clubes de fútbol locais, e tamén os do Barça e o Madrid, para que ninguén se ofenda. Na tele sempre Antena 3 e na parede un cartel coa tipografía Arial, pegado con celos cheos de cotra, buscando camareira. Leva anos colgado .
Hei de dicir, pola contra, que me gusta ir comer algo ó Mac Burguer (tamén apodado Mac Pollo polos seguidores de Nightwish e estas cousas nas que me perdo nun basto campo de estrelas) ou ó Gamela. O meu bar preferido de todo Compostela é o Bar Suso, e probablemente me atopen alí a calqueira hora do día almorzando ou xantando, ou tomando café ou cañas.
Tamén hai outros sitios que comparten a miña adoración, pero non sería xusto que os nomease ó carón destas tres atrocidades culinarias do comezo. E porque están nun nivel máis arriba de bon vivantismo e de sibaritismo, pero iso non é moito dicir.